Wednesday 08 de May de 2024

Carlos Lorenzo-Tina Fernández e José Miguel Gómez-Noelia Iglesias, gañadores da IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra de Lousame nas modalidades 10K e 5K


 

A proba, que estivo moi marcada polas inclemencias meteorolóxicas, contou coa participación de 330 corredores/as

Os atletas Carlos Lorenzo Blanco (C.D. Portosín) e Tina Fernández (Urban Runners Club Santiago), na modalidade 10K, e José Miguel Gómez Sánchez (Club Atletismo O Pino) e Noelia Iglesias Caamaño (Club Atletismo Noia), na modalidade 5K, foron os gañadores da IV Carreira Popular Pilar Barreiro Senra, que congregou hoxe domingo a 330 atletas (241 na proba absoluta e 111 nas probas escolares).

Unha proba que estivo moi condicionada polas inclemencias meteorolóxicas, xa que á choiva constante houbo que sumarlle uns fortes refachos de vento frío que dificultaron o desenvolvemento da carreira e botaron atrás a 193 persoas que tiñan formalizada a súa inscrición. De feito, esta cuarta edición partía co récord de inscrición na súa historia: 523 persoas. O tirón do novo circuíto e da convocatoria por primeira vez da modalidade 5K notouse no feito de que a proba absoluta mesmo rexistrou 22 participantes máis ca o ano pasado. Porén, o gran baixón tivo lugar nas probas escolares, especialmente nas dos máis pequenos.

No que atinxe á proba absoluta, Carlos Lorenzo Blanco inscribiu o seu nome por primeira vez no palmarés lousamiá cun tempo de 34 minutos e 37 segundos en percorrer os 10 quilómetros. O seu compañeiro de equipo, Juancho Balderrábano Mayo (CD Portosín) conseguiu o segundo posto cun tempo de 35 minutos e 5 segundos. Dez segundos despois chegaba Carlos Juanatey García (Atletismo Sar-Vermú Petroni), quen completou un podio inédito nestas catro edicións.

Menos cambios houbo na categoría feminina, onde Tina Fernández revalidou o seu título do ano pasado cun tempo de 38 minutos e 52 segundos, entrando no posto 20 da xeral. O segundo posto foi para María González Martínez (Orixinal MGM Team), quen cun tempo de 39:49 tamén revalidou o segundo posto da pasada edición, entrando no posto 30 da xeral. Completou o podio Beatriz Barroso Pérez (Tribu Trail) cun tempo de 44 minutos e 21 segundos.

5K

Na categoría 5K, que hoxe se estreou en Lousame, o gañador da proba masculina foi José Miguel Gómez Sánchez (Club Atletismo O Pino) cun tempo de 17 minutos e 8 segundos. A tan só un segundo chegou o gañador tamén da categoría xuvenil, Iván Salgado Troncoso (RC Celta). Completou o podio Fernando Pérez Fernández (Senbal Team) cun tempo de 17 minutos e 22 segundos.

Na proba feminina, o triunfo foi para Noelia Iglesias Caamaño (Club Atletismo Noia) cun tempo de 21 minutos e 17 segundos, entrando no posto 12 da xeral. A madriña da proba, Pilar Barreiro Senra (Club Atletismo Sada), foi segunda cun tempo de 22 minutos e 25 segundos, chegando no posto 16 da xeral. Completou o podio Sabela Rey Miguens (Atletismo Sar-Vermú Petroni) cun tempo de 23 minutos e 31 segundos.

Quen volveu participar na carreira por segundo ano consecutivo na proba foi José Manuel Ces Romero “Jori”, atleta do Club Fontes do Sar. Natural de Lousame, aínda que vive en Teo, Jori sufriu un grave accidente hai uns cinco anos que fixo que tivera que aprender a andar e a relacionarse coa xente. Acompañado por un corredor do seu club, “Jori” foi o primeiro atleta en chegar á liña de meta tras completar uns meritorios 2 quilómetros.

Entrega de premios

A adversa metoroloxía afectou a distintos aspectos da proba, pois a forza do vento mesmo obrigou a retirar o arco de saída da carreira e os inchables preparados na praza Teodomiro Hidalgo para o avituallamento dos atletas tras a carreira. Unhas incidencias que atrasaron a saída da proba benxamín, motivaron que o avituallamento tivera lugar no soportal do centro de saúde e obrigaron a trasladar a entrega de premios ao auditorio da Casa da Cultura.

Uns premios que foron entregados pola concelleira de Deportes de Lousame, María Regenjo; o tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; a madriña da proba, Pilar Barreiro; e o director da oficina Plus Ultra Seguros en Noia, Fonsi Balderrábano. María Regenjo lamentou a mala climatoloxía durante a proba e aproveitou para destacar e agradecer o traballo de todas as persoas que fixeron posible o desenvolvemento da proba, empezando polos técnicos municipais, “que levan meses traballando e estes tres últimos días sen parar”, aos voluntarios e a Protección Civil e aos clubs que colaboran: Club Atletismo Lousame, Club Deporte Lousame e o Club BTT O Treito. “Temos a sorte de contar neste concello cun grupo amplísimo de voluntariado, algo do que nos sentimos moi orgullosos”, apuntou Regenjo.

A concelleira agarda que “os cambios que fixemos e adaptar a data a este tipo de probas fose do voso agrado. En canto ás inscricións conseguimos melloralas moito con respecto ao ano pasado, con máis de cincocentas persoas. O circuíto tiña un pequeno detalle: unha parte pasaba por onde Pilar entrenaba en alto nivel. Ela axudounos co circuíto e incluímos o 5K para os que se están iniciando e agardamos vervos a todos o ano que vén aquí”.

Para finalizar, Pilar Barreiro tomou a palabra para agradecer “non só o esforzo que fixestes, xa non correndo, senón poñendo ao mal tempo boa cara”. Tamén agradeceu a presenza dun dos seus adestradores, Mariano García Verdugo, quen tamén tomou parte na proba.

María Regenjo e Ramón Martínez fixeron entrega de medallas e lambonadas a todos os participantes nas probas escolares. Todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, froita e rosca, cortesía dos patrocinadores da proba: Plus Ultra Seguros, Autos Patiño e Gadis. Tamén houbo trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías establecidas (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta.